Vogais medias abertas e fechadas
Aprende a distinguir vogais abertas e fechadas co #DígochoEu
Ligazón á lista de reprodución en Youtube
En galego apenas imos ter que distinguir entre vogais medias abertas (ε, ᴐ) e fechadas (e, o) en posición tónica e en posición pretónica. No resto de posicións, se aparece unha vogal media, o máis habitual é que sexa fechada.
Vogais medias abertas en posición tónica
-
Cando a vogal media procede dun Ĕ ou dun Ŏ latino, polo xeral temos en galego unha vogal media aberta e en castelán, un ditongo: certo, dez, deserto, destra, fel, ferro, festa, herba, hedra, inverno, lebre, mel, neto, neve, néboa, pel, pedra, sempre, sete, servo, terra, corno, logo, morte, nove, porco, proba, rogo, roda, escola, sogra, sorte.
-
Teñen vogal media aberta as palabras que levan acento diacrítico. Exs.: bóla, cómpre, dó, é, fóra, nó, nós, óso, pé, póla, présa, sé, só, vén, vés, vós.
A única excepción é o verbo pór (poñer) con o fechado.
-
Practicamente todas as palabras agudas rematadas en -en son con e aberto.
Exemplos: alén, alguén, amén, ben, cadaquén, cen, quen, parabén, parabéns, refén, tren, sen (= tempa ou vidalla).
Excepcións: Teñen e fechado sen (prep.), en (prep.) e dolmen (con o aberto e e fechado).
-
Teñen e aberto as palabras acabadas en -ense, típicas dos xentilicios (almeriense, estradense, estadounidense) e tamén o topónimo Ourense. O e aberto de Ourense mantense tamén no xentilicio: ourensán e ourensá.
A única excepción é suspense que é con e fechado.
-
Teñen e aberto quente, e as que acaban en -iente: consciente, obediente, paciente, suficiente.
No resto dos casos hai dúas pronuncias válidas: dente, xente, presidente, influente, mente. Na zona occidental tenden a facelo fechado, e maioritariamente aberto no resto.
-
Nas palabras graves terminadas en -ia, -io, -ie, o normal é que o e ou o o da sílaba tónica desas palabras sexa aberto.
Exemplos:
Teñen e aberto: pandemia, anorexia, cemiterio, trienio, serio, seria, serie, intemperie, especie.
Teñen o aberto: memoria, homofobia, polinomio, microscopio.
As excepcións máis curiosas a esta regras son:
colexio, rexio, rexia... que teñen e fechado, aínda que outras palabras terminadas en -exio e -exia admiten as dúas pronuncias: privilexio, sacrilexio.
Premio e femia son con e fechado. Comedia é fechado, polo xeral, aínda que tamén se admite a pronuncia con e aberto. Medio, media, multimedia sempre con e fechado.
Necio, necia, soberbio, soberbia tamén son con e fechado, igual que recio, recia ou aprecio. Codia tamén é con o fechado.
-
As acabadas en -encia teñen a pronuncia máis común con e aberto, mais hai zonas en que o fan con e fechado.
Exs.: independencia, asistencia.
-
As acabadas en -iencia son sempre con e aberto: ciencia, audiencia, paciencia.
Vogais medias fechadas en posición tónica
-
As palabras acabadas en -eno, -ena, -eño e -eña pronúncianse con e pechado. Exs.: neno, pequeno, empeño, leña.
-
As palabras acabadas en -ono, -ona, -oño e -oña pronúncianse con o pechado. Exs: outono, bombona, mono, mona, zanfona, papona, moño, soño, vergoña.
Excepción: demoño é con o aberto igual que demo é con e aberto.
-
Teñen o pechado tamén todas as palabras acabadas en -onza e -onzo. Ex.: vergonza.
Son con o pechado as palabras acabadas en -on e -ons. Exs.: recesión, papón, pantalóns, saltóns, non.
As únicas excepcións son con e don
con: “a preposición ten o pechado” mais con co significado de “pena” é con o aberto
Don pode ser aberto ou fechado en calquera dos significados. Iso si, dona é con o fechado
-
Todas as palabras terminadas en -onta e -onto son con o fechado: remonta, pronta, conta, conto, pronto, reconto.
-
E tamén se pronuncian con o fechado a inmensa maioría das terminadas en -onte: ponte, fonte, monte, rinoceronte, horizonte.
Só hai unha excepción: teñen o aberto onte, antonte e trasantonte.
-
Os adverbios terminados en -mente son con e fechado. Cando se une un adxectivo co sufixo -mente as dúas conservan a súa pronuncia: conscientemente (aberto o primeiro e fechado o segundo).
-
As palabras terminadas en -ea e -eo adoitan ser con e fechado.
Exemplos con -ea: aldea, batea, cea, chea, fea.
Todas menos dúas: idea e cheminea, que son con e aberto.
O e de marea e diarrea pode ser aberto ou fechado.
Exemplos con -eo: europeo, feo, cheo, mareo, xeo. Agás ceo e evanxeo, que son con e aberto.
Fideo pode ser aberto ou fechado. E atención á palabra veo: con e fechado é a palabra que se usa na expresión “darlle ao veo”, con e aberto é o pano que levan as noivas na cabeza “Levaba un veo precioso”.